ISTO NON É UNHA SELVA por Maika Sanmartín

   Tras os pasos e as verbas de Anna Gulías, chegaron ao sofá da nosa biblioteca, as de Maika Sanmartín, nai de Mariña Breijo, compañeira de 1º de Primaria. 

  Trouxo o libro “ISTO NON É UNHA SELVA”, un conto cunhas ilustracións extraordinarias de Rocío Bonilla e escrito por Susanna Isern. Un dúo de luxo! 
   Un conto que tivo aos nenos de 1º e 2º de Primaria moi atentos e concentrados ata o remate da historia. 
   Todo comezou o día que Paula decidiu dicir que non. Dicir non era xenial! Paula podía facer o que quixese, pero entón sucedeu que a súa casa converteuse nunha AUTÉNTICA SELVA con árbores, lianas, vexetación frondosa... e todos os animais "campando libremente pola casa." 
   Paula puido poñerse no lugar da súa nai cando comprobou que os animais que invadiran o seu fogar, non lle facían ningún caso. 
   Finalmente, despois das reflexións de Maika de porqué non sempre podemos dicir que non a todo, os nenos decatáronse de que a súa colaboración é importante, á vez que comprenderon o valiosa que é a súa axuda no fogar.  
 
 Decatámonos de que é moito mellor axudar aos nenos a comprender o porqué das cousas, que obrigarlles a facelas. 
  Para rematar, Maika agasallou aos nosos alumnos cuns bolígrafos e unhas poesías para facer nas súas casas. 
                  
   Velaquí vos deixamos un fabuloso vídeo no que a autora, Susanna Isern, e os seus fillos fálannos do libro.
                    
Grazas, Maika, por ofrecerte voluntaria para que este humilde proxecto de animación á lectura, que xira a carón dun cada vez máis vello sofá, siga a dar tantas tardes de venres cheas de sorrisos, aprendizaxes, sorpresas, soños... aos nosos alumnos, aos vosos fillos.
Grazas tamén  polo fermoso relato de ISTO NON É UNHA SELVA, porque ademais de deixar unha fonda lembranza nos nosos nenos, deixa unha máis profunda reflexión en nós, as mestras.
Tan so dicir,Maika,
 que Leo e Biblín deixan as portas abertas do seu lar,
para que entres cando queiras,
 pero a partir de agora
faino sen chamar.
pois aquí queda por sempre 
o teu FOGAR.

EN XANEIRO CONTAMOS CON ANNA GULÍAS

  En xaneiro demos o pistoletazo de saída a un novo ano cheo de Contos de Sofá. A encargada de estrear este 2018 foi Anna Gulías,nai de Daniela de 2º de Primaria e de Lois e Manoel, de 1º da ESO.
  O conto deste mes corre a cargo dun personaxe moi coñecido por todos os alumnos e alumnas; trátase do famoso elefante de cores,Elmer. Con el sempre vivimos aventuras divertidas, que non só nos ensina a beleza da natureza, tamén nos axuda a comprender a importancia da amizade, a solariedade e o compromiso cos demais.
  Nesta ocasión,Elmer e o seu curmán Wilbur visitan á tía Zelda. A tía faise maior e cada día está un pouco máis xorda. Isto non implica ningunha dificultade para que lles conte moitas e divertidas historias, así como facelos rir moito.
  Ao remate, tivemos un momento para os xogos:
  Primeiro, saudámonos como os elefantes.
 De segundo, xogamos coas palabras,  uns foron Elmer e os outros tiñan que responder como o faría a tía Zelda (un pouco xordos). A verdade é que foi unha tarde de contos moi divertido.
  Sen darnos conta o tempo pasou moi rápido, e antes de marchar Anna dounos uns agasallos moi fermosos.


   Nós tampouco queriamos que Anna marchase sen a xa tradicional rosa vermella que entregamos aos nosos ilustres contacontos para que non se esquezan do seu paso polo noso sofá. 
  A continuación Anna asinou no libro de visitas da biblioteca baixo a atenta mirada de Biblín e Leo, que agardan inquedos polo seguinte protagonista.  
 O noso agradecemento
por regalarnos unha tarde tan especial,
pola túa cercanía con nenos e mestres,
pola túa forma de contar tan xenial,
por ternos sempre presentes 
e por achegarnos a Elmer, elefante singular.
  Nese sofá azul, cada día algo máis vello, quedará para sempre un anaquiño do teu conto e de ti. Retorna cando queiras, as portas quedan abertas. 


LA HISTORIA DE UNA LATA, con Lorena Rivas



   O pasado venres día 1 de decembro, visitou a nosa biblioteca Lorena Rivas, nai de Vera e Carlota Lázara. Lorena non viña soa, pois traíaconsigo un fermoso conto titulado “Historia de una lata”, da autora Begoña Ibarrola.

  A través desta historia traballamos as emocións, a ecoloxía, a reciclaxe; e sobre todo, algo tan  importante nos nosos días como é... a ILUSIÓN (é o importante de non perdela xamais).
   A lata comeza contando a súa vida desde que nace ata que acaba sendo reciclada. A nosa protagonista, convertirase en diversos soportes e terá diferentes nomes (lata de tomate, pelota, peto, maceta…); ao tempo, que nos fai partícipes dos seus sentimentos, sentimentos que unhas veces fana sentir moi importante e outras, triste e soa. 
  A pesares de ditas sensacións que vai experimentando, a nosa protagonista é moi optimista, e agarda con alegría o seu final: ser un fermoso xoguete,  transformarse nun magnífico tren!
    En todo momento os alumnos estiveron moi motivados e atentos ante as explicacións de Lorena, así como nos xogos que ela propuxo, destacando "O xogo das emocións".
   Ao remate, agasallou aos alumnos cuns fermosos marcapáxinas, e unhas fichas nas que  poder colorear á nosa protagonista.
   Antes de que Lorena abandonase a nosa biblioteca, adquirimos un firme compromiso con ela: 
"Reciclaremos todas as  latas que temos na casa , e faremos, ao longo do presente curso, unha pequena exposición, dos diferentes usos que lle imos dar a cada unha delas."

   Grazas Lorena, por unha tarde de conto tan especial. Por un conto tan ben escollido. Din que cada conto agocha unha pequena ensinanza, un aprendizaxe; pero "Historia dunha lata" foi moito máis. Cremos firmemente que o mundo futuro dos nosos alumnos será un anaquiño mellor, tras viaxar contigo polo mundo de valores tan importantes como a reciclaxe, a valentía, o tesón e sobre todo ... a ILUSIÓN.
  Convidada quedas a regresar ao remate do curso a visitar as nosas humildes creacións con latas, como a protagonista do noso venres de contos de sofá.

COMEZAN OS CONTOS DE SOFÁ

   Un curso máis dan comezo OS CONTOS DE SOFÁ, unha actividade de animación á lectura a través dos contos que chegan aos alumnos de 1º e 2º de Primaria desde os beizos dos seus familiares. Na primeira xornada celebrada no mes de outubro, recibimos a visita de Ludy Lamela, nai da nosa compañeira de 1º de Primaria, Martina Pumeda, que veu acompañada dun peixe a mar de fermoso...EL PEZ ARCO IRIS.

   O pez arco iris é un peixe de fermosas cores, un pouco egoísta, incapaz de compartir; ata que dáse conta de que vive so e sen amigos. Neste interesante relato aprendemos a importancia de compartir e o especial que debe ser para nós. Pasamos unha gran tarde de contos á vez que comprendemos que hai que pensar nos demais, antes que nun mesmo. 
   Ludy e o pez arco iris, non viñeron ao fogar de Leo e Biblín sos; pois Ludy agasallounos cuns fermosos espetos de gominolas que abofé fixeron aínda máis doce a nosa visita ao  xa famoso sofá azul.
   
 Coma sempre antes de voltar as clases, era a quenda de que Ludy asinara no Libro de visitas e sacar a foto de familia, para rematar cun pequeno agasallo en forma de rosa, que con tanto agarimo entregou a  nosa compañeira Martina.
Grazas Ludy. 
Fermoso conto e mellor ensinanza. 
Nestes tempos de tanto EU, 
poñamos máis NÓS. 
Din que todos os contos son bos, 
pero abofé que os mellores, 
son os que saen dos beizos dunha nai. 
Volta cando desexes.
 No noso sofá azul,
desde hoxe, 
perdurará a túa lembranza e a do teu compañeiro...
O PEZ ARCO IRIS