Como sempre esperabamos impacientes un novo visitante ao noso sofá...
Esta vez era a quenda dun pai, o pai dos nosos compañeiros Ruth e Óscar, Antonio Rodríguez. Antonio tróuxonos baixo o brazo un conto cargado de suspense e emocións.
Os personaxes: un monstro, un rei, unha princesa e un príncipe encantado; foron quen de deixarnos asombrados sen pestanexar un segundo. Á vez tamén estabamos inquedos, pois ao monstro o que máis lle gustaba comer, era tenros nenos.
A fera buscaba a súa comida favorita, cando de súpeto, atrapou un rei, e para deixalo en liberdade, tiña que conseguirlle comida. A quen lle levou? Á súa propia filla, a princesa Lucila!
A princesa, unha valente nena, coas súas divertidas rimas, deixou o monstro alporizado e finalmente, este, converteuse nun príncipe.
Era tal o silencio que había na biblioteca, que cando rematou o conto, resoou un estrondoso aplauso. Unha vez máis, a historia tiña un final feliz.
Todos tiñamos un montón de preguntas para Antonio, quen con moita paciencia e dunha forma moi enxeñosa, resolveu as nosas dúbidas.
Para rematar, comprobamos o atentos que estiveramos, cunhas fichas de actividades sobre o conto, que saíronnos de marabilla.
Grazas Antonio
por agasallarnos unha tarde de conto.
Por traer monstros que rematan en príncipes,
por falar de malos reis e valentes princesas.
Pola túa paciencia,
pola túa simpatía.
Abofé que o gusto pola lectura
calou un pouquiño máis entre os nosos alumnos.
Biblín e Leo deixan as portas abertas da seu fogar.
Entra cando queiras!








No hay comentarios:
Publicar un comentario