Durante este curso 2015-2016, puxemos en marcha unha serie de charlas-coloquio sobre o voluntariado, que levan por nome "VOLUNTARÍZATE". Nos tempos que corren e que nos tocan vivir, cada vez vemos á importancia de ACTUAR, a importancia de concienciar á nosa sociedade futura, aos nosos alumnos, do importante de implicarse en facer deste mundo noso, un mundo mellor. Con estes fundamentos de partido, tratamos de achegar a figura de distintas ONGs, representados polos seus voluntarios, que de forma altruísta traballan en distintos campos, para axudar a que esta sociedade sexa cada vez máis fermosa. Así, visitarán a nosa biblioteca voluntarios de ResTogo (voluntariado internacional), Médicos do mundo (ámbito sanitario), Peludos sen fogar (protectora animal), Banco de alimentos (ámbito social), Working Wheels (Igualdadade)...
A primeira visita das organizadas foi a de Bea Ferradás, representando a RESTOGO, ONG que centra os seus traballos de axuda no país africano de Togo, incidindo principalmente no campo educativo. Bea Ferradás é unha lalinense, profesora de lingua francesa nun centro educativo de Santiago e xogadora do equipo sénior do Balonmán Lalín, que adica o seu tempo de lecer en colaborar con dita ONG. Así, contounos a súa experiencia como cooperante internacional en dito país.
Grazas a súa experiencia puidemos saber que é o que leva a un a facerse voluntario. Soubemos que o camiño non sempre é sinxelo, que ás veces quedan bágoas no camiño, pero que a recompensa vale máis que todos os cartos. Coñecemos como viven outros nenos da nosa idade noutra realidade, e como menos moitas veces é máis. A ilusión que lles fixo a biblioteca que Bea e os seus compañeiros instalaron no seu colexio cunha ducia de libros; o que poden dar de si unhas botas vellas de fútbol; o que é aferrarse a unha vella boneca... Tamén soubemos da súa escola, a que ás veces non é sinxelo chegar, o número de nenos por clase e a súa forma tan divertida de impartir contidos.
Coñecemos como viven, os seus costumes, tradicións, bailes... Sen dúbida unha fermosísima conversa que aos nosos nenos doulles que pensar, e iso é o que pretendemos, que valoren, que reflexionen, que analicen e despois, nalgún momento das súas vidas, quen sabe cando... que ACTÚEN.
Que dicir de ti, Bea. Os que traballamos en educación sabemos que a mellor forma de educar é o exemplo, e ti es un exemplo andante. Mestra, deportista e adicando o tempo libre aos demais. Para os nosos alumnos, polas miradas que saían dos seus ollos, sabemos que algo trocou coa túa visita, e con iso,todo isto ten sentido,todo isto valeu a pena.
Agora tócalles a eles saber que podemos facer nós por vós, e neso andamos.




No hay comentarios:
Publicar un comentario