Orellas de bolboreta con María Gabriela Arrebola.

  En febreiro, no mes do Entroido, recibimos nunha nova sesión de animación á lectura, nunha nova xornada de contos de sofá, a María Gabriela Arrebola co conto Orellas de bolboreta. 
 
  María Gabriela, nai da nosa compañeira de 2º de Primaria, Violeta, veu acompañada do seu marido, Eliazar, e con eles gozamos das aventuras de Mara, protagonista do noso conto.
  Mara é unha nena un tanto especial, pero a ela non lle importa o que os demais nenos pensen e opinen dela. Mara é feliz. Que lle din que ten as orellas grandes, ela di que son orellas de bolboreta para voar e pintar de cores as cousas feas. Que se os zapatos son vellos, son zapatos viaxeiros. E así cunha morea de cousas que lle din os seus compañeiros maliciosamente.
  Gabriela e Eliazar fixeron moito fincapé aos nosos alumnos, en que ao igual que Mara, cando algún neno diga algo para amolarnos, nós, non lle demos importancia. 
  Con eles e axudados pola nosa compañeira Violeta, puxémonos na punta dos pés para intentar chegar á Lúa como facía Mara, e rematamos a actividade cunhas apertas. Apertas que amosen que xuntos, con amor e compañeirismo, sen amolar, todos, como Mara, seremos felices.
  Tras asinar no noso libro de lembranzas da Biblioteca e tras sacar a nosa foto de grupo como é costume, os pais de Gabriela agasalláronnos cunha manualidade que elaboraran con moito agarimo para nós. Nada máis e nada menos, que unha bolboreta para así non esquecer xamais a aprendizaxe deste conto. Dita bolboreta veu acompañada por algo doce, que durou ben pouco nas mans dos nosos alumnos.
                                 
  Foi unha gran tarde de contos, unha máis de tantas, nas que a través da lectura, rimos, gozamos e o máis importante, aprendemos.

  Moitas grazas, Gabriela e Eliazar. Pasámolo xenial.
  Con Mara e convosco aprendemos que neste mundo de aparencia, tanto nos ten o que os demais pensen de nós, mentres nós sexamos felices como somos. A diferenza é o que nos fai a todos especiais. 
  Como sempre dicimos, as portas da nosa biblioteca quedan abertas, non tardedes en voltar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario